Hai novas que operan na sociedade de desigual maneira dependendo da estación do ano en que abrollen. Un claro exemplo é a da vindeira instalación no casco vello de Santiago dunha rede sen fíos Wimax que, entre outras cousas, permitiralles ós veciños (fixos e ocasionais) conectarse á Internet dende calquera recuncho da zona antiga da cidade: rúas, prazas, parques ou bancos nas beirarrúas.
E agora imos co toque de ironía: non é o mesmo que che digan que podes navegar no exterior estes días de friaxe extrema nos que case ninguén se libra de rañar a xeada nos coches polas mañás a que cho digan no verán. O impacto, que lle imos facer, desloce un chisco nestas xornadas de (virtual) inverno, por moito que se trate dunha boa nova, e esta posiblemente o sexa e que represente unha oportunidade para (por unha banda) afianzar na nosa terra o emprego das novas tecnoloxías da información e (pola outra) abrir portas á posta en valor das zonas vellas de cidades galegas.
A rede sen fíos no centro de Compostela, que estará operativa a finais de 2007, contará cun investimento de partida de 555.000 euros, segundo informa A Voz, dos que a metade serían achegados polo Ministerio de Industria.
O proxecto, que forma parte do plan Cidades Dixitais (que xa deu os seus froitos en As Pontes, Vilalba e A Estrada e que está en desenvolvemento en Ribeira, Redondela, Verín e Monforte), está a ser perfilado por Coremain, emprega galega punteira no sector dos servizos tecnolóxicos. Segundo explicou o Concello de Santiago, a rede faría posible –entre outras cousas– o desenvolvemento da teleasistencia e vixilancia a distancia, sobre todo no que atinxe a persoas con limitacións de mobilidade. Asemade, posibilitaría a creación de diferentes enclaves de subministro en liña de datos para turistas ou para a coordinación de iniciativas de emerxencia.
O Concello de Santiago anuncia que o casco vello terá rede sen fíos Wimax antes de 2008
Compartir Este Artigo
