
O caso é que este espírito de liberdade creativa na construción e na disposición das casas está a ser na actualidade denunciado dende moi diferentes frontes, e case todas elas mobilizadas dende Internet. Mais, e se cadra somos únicos no mundo neste caso, sen que isto repercuta aparentemente nunha desaparición do problema: semella que non temos límites á hora de estragar a paisaxe.
Sexa como sexa, seguen adiante as tarefas de denuncia (e que sigan por moito tempo) na Internet, como por exemplo a da Asociación Cultural Choiva Azeda, polo que ningún posuidor dun hórreo con lámpadas ou dun galpón pintado de rosa se debería sorprender se atopa un fotógrafo inmortalizando a súa obra.
Máis polo miúdo, a iniciativa do colectivo Choiva Azeda (As Pontes) consistiu nun concurso fotográfico sobre feísmo urbanístico no seu concello, imaxes que xa se poden ver na web de Amigus ou ben na bitácora da mesma asociación organizadora do certame.
Igualmente, e para todos aqueles que non teñan acceso á Rede e que vivan preto das Pontes, cómpre sinalar que tamén se poden ver na Casa da Cultura (Casa Dopeso) do concello ata mediados de xaneiro e en horario de mañá e de tarde. As imaxes que constitúen esta exposición virtual son 200 e “dende 23 perspectivas distintas e complementarias”.
Por certo que a gañadora do certame foi Ana Belén Ardao, indo o segundo premio a parar de xeito compartido a Carolina Leal e a David Cabarcos.
O colectivo Choiva Azeda, para quen o feísmo é “a expresión que mellor exemplifica case tódolos males do urbanismo pontés e galego”, contou no xurado con diversos membros da Asociación Informática Amigus, da Asociación de Estudos Históricos Hume, da Plataforma Cidadán pola Defensa do Patrimonio Arqueolóxico das Pontes e do Irmanamento As Pontes-Lesneven-Carmarthen, así como dunha arquitecta local que actualmente desenvolve o seu labor en Londres.
Choiva Azeda pendura na Rede as fotografías do seu concurso sobre feísmo nas Pontes
Compartir Este Artigo
