
Este ano, como era de agardar, serán os diferentes xeitos de adaptar o dixital ó lecer o que domine as diferentes áreas da mostra, onde por certo haberá boa representación galega: a de Blusens, por exemplo ou a de Enrique Dans. Tamén se prevé moita actividade nos aparellos sen fíos e máis nas moitas posibilidades do vídeo, que está a vivir hoxe unha curiosa revolución: do fogar (novo formato de estudo de gravación) ó mundo. Estímase que a feira acolla este ano a 2.700 expositores.
Na cerimonia de apertura do domingo día 7, entre outros moitos persoeiros do sector, estará –un ano máis, xa que é tradición dende hai nove anos, e calquera se atreve romper unha tradición como esta– Bill Gates, presidente e fundador de Microsoft.
Tamén se calcula a chegada dun bo número de visitantes procedentes de tódolos currunchos do mundo: non hai que esquecer que esta feira naceu con vocación de ficar aberta ó público en xeral, estea ou non relacionado directamente cos sectores representados.
A xuntanza inclúe este ano 200 relatorios a cargo dalgúns dos máis senlleiros pesos pesados das novas tecnoloxías da información.
Así, contará coa presenza (entre outros) de Olli Pekka Kallasvuo (presidente de Nokia) ou Ez Zander (presidente de Motorola). Por certo que nós, en caso de estar eses días por Las Vegas (probablemente non nos colla de paso) seguramente acabaríamos por decantarnos pola mesa onde vai falar o blogueiro galego Enrique Dans sobre o seguinte asunto: Influencer Roundtable.
Por certo que LG tamén aproveitará para presentar o seu reprodutor dual de HD DVD e Blu-ray do que falamos noutra nova desta mesma web. Todo un acerto, se pensamos que na dita feira de electrónica o 99% do público en xeral acudirá á xuntanza con esta pregunta na boca: que podo facer co meu DVD agora que saen dous novos formatos con calidade de imaxe e son maior e, en aparencia, pouco compatibles? LG estará alí para collelos por debaixo do brazo e dedicarlles un sorriso.
O salón CES de Las Vegas abre as súas portas este 8 xaneiro con representación galega
Compartir Este Artigo
