Komunikando.net é un colectivo de grupos de músic@s gales@s cun obxectivo común: profesionalizar e dignificar ós grupos que cantan en Galicia, en galego e por e para os galegos. En novembro de 2005, esta comunidade comeza a súa andaina na Rede a prol da promoción e a defensa da cultura galega, levando a cabo proxectos musicais que van orientados a espallar a nosa cultura dentro do seo musical. De acordo con isto, e fieis á súa liña, o colectivo vén de lanzar un comunicado no que reflicte a súa desconformidade coa actuación da Consellería de Cultura con respecto ó espectáculo musical levado a cabo o 28 de decembro tralo partido da selección galega de fútbol fronte á de Ecuador no estadio de Riazor.
Cómpre lembrar que no devandito espectáculo foron contratados dous grupos musicais castelán falantes e un grupo estranxeiro, que non daban pe a reivindicar unha lingua e cultura propias. Komunikando.net entende e valora positivamente as decisións e accións levadas a cabo polo Goberno galego para construír unha cultura propia, pero critica a falta de implicación do mesmo á hora de promover os produtos culturais propios nos grandes eventos e asegura “partir dunha situación desfavorable” no que ó apoio á cultura autóctona se refire.
Mediante esta protesta pública, o colectivo pídelle ás administracións (á Xunta e ós Concellos) que tomen “decisións políticas consecuentes coa construción da cultura e con niveis de participación accesibles para as diferentes manifestacións culturais”. Ou dito doutro xeito: que no vindeiro enfrontamento da selección galega podamos ver e escoitar a músicos da nosa terra, que son moitos e bos.
Komunikando.net bota en falta a música galega no concerto da selección de fútbol
Compartir Este Artigo
