Na modernización da administración local, un dos principais obxectivos do Goberno galego neste intre é lograr que nos vindeiros anos o 90% dos concellos empreguen de xeito activo as ferramentas da Sociedade da Información. Para iso, a Xunta apoiará a iniciativa no marco do Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información (PEGSI) elaborado pola Consellería de Innovación. Máis polo miúdo, o que se pretende acadar con dita proposta é que os municipios máis pequenos teñan recursos abondo para ofrecer servizos electrónicos ós cidadáns, evitando deste xeito calquera discriminación por motivos de residencia nun ou noutro concello.
A formación dos funcionarios e a renovación dos equipos informáticos son dúas das claves para impulsar esta medida, xa que o principal problema para o emprego das novas tecnoloxías, segundo os propios concellos, é a falta de recursos económicos. Para iso, ademais de novas infraestruturas fixas e dotación de equipos, a administración prevé pór en marcha un programa formativo específico para os traballadores públicos, nos que poidan adquirir os coñecementos precisos para explotar as novas aplicacións. Por outra banda, e debido a que só un de cada tres concellos de menos de 1.000 habitantes ten páxina web, Innovación e Industria vén de conceder unha serie de axudas destinadas a fomentar a presenza dos concellos na Sociedade da Información. As axudas presentan dous tipos de actuacións, segundo sexa o volume demográfico de cada termo territorial. No caso dos municipios que non superen os 6.000 habitantes preténdese que dispoñan dunha páxina web oficial, mentres que no dos concellos cunha demografía de entre 6.000 e 35.000 habitantes, a Consellería vainos dotar de recursos financeiros para que poidan impulsar novas dinámicas sociais no ámbito da Sociedade do Coñecemento, facilitando recursos para que as diversas asociacións poidan dispoñer dun espazo na Rede para promoverse e dar a coñecer as súas actividades.
