Máis trámites administrativos que se poden facer a distancia e de xeito rápido, máis axilidade no traballo e, sobre todo, mellor comunicación entre unhas institucións e outras. Unha administración electrónica ben engraxada podería ceibarnos ós cidadáns de moitas esperas e desprazamentos e, asemade, aforrarlle custos e tarefas ós gobernos. A chave é, coma en case tódalas cousas da vida, comezar a construír polos alicerces. Na opinión da Consellería de Presidencia, un destes primeiros pasos consistiría en facilitar as comunicacións entre as administracións, e é xusto nesa liña onde se pode enmarcar a conexión de alta velocidade que vén de establecer entre a Rede Corporativa de Galicia e a Intranet da Administración central.
Esta iniciativa, que forma parte (á súa vez) do proxecto SARA (tamén encamiñado a tender pontes e construír ligazóns entre as autoestradas virtuais das institucións europeas), significa entre outras moitas cousas que xa non hai escusa para que as distintas administracións sexan como vieiros paralelos que nunca se chegan a tocar. A partir deste intre, informa a Xunta, a española e a galega discorren máis estreitamente, e o fluxo de datos de Galiza xa está a ser incorporado ó Estado dende 3.000 centros integrados na dita Rede. Mais, cal é o beneficio que se pode tirar destas medidas? A xuízo da Consellería de Presidencia, con estas conexións evítase o espallamento da información e dos lugares onde se trata esa información, axilízanse os trámites administrativos e minimízanse os custos.
A través desta ligazón entre canles de datos (coa que a Xunta quere traballar a prol da converxencia tecnolóxica con Europa), unha manchea de administracións galegas, con independencia do eido á que pertenzan (autonómico, provincial ou local), poderán intercambiar datos pola vía electrónica e cunhas medidas de seguridade comúns. Esta ligazón constituída tamén vai permitir o acceso a certos servizos administrativos como a plataforma de intercambio de certificados ou a validación da sinatura dixital do eDNI, amais de mellorar a calidade dos que xa foron postos en marcha. Asemade, posibilitará a conexión coa rede de oficinas 060 ou coa plataforma de intercambio de certificados.
Cómpre sinalar que a conexión foi desenvolvida para acadar velocidades de datos de ata un gigabit por segundo, variable segundo sexa a demanda do fluxo. Estes e outros datos foron subministrados pola Consellería de Presidencia este domingo 4 de febreiro.
Presidencia habilita unha conexión de alta velocidade coa administración estatal co fin de axilizar o fluxo de datos
Compartir Este Artigo
