Rematar coa fenda dixital en España, sobre todo nas zonas rurais, é unha materia de estudo que o Goberno arrastra convocatoria tras convocatoria e que o levará de novo a repetir curso nesta materia se non fai algo por remedialo (por exemplo, indo á pasantía como fixemos todos coa física e a química de COU). Fundetec vén de dar un pequeno paso na redución da devandita fenda e presentou o informe: Fogar conectado a Internet: incentivos a empresas e empregados para o impulso definitivo da Sociedade da Información. Beneficios sociais, económicos e fiscais, no que se dan a coñecer as vantaxes que se derivan deste tipo de programas, tanto para as empresas como para os empregados e para a sociedade en xeral, que poden traducirse (con sorte e cun aquel de esforzo das partes implicadas) nunha importante redución do atraso dixital en España.
Fogar conectado a Internet (HCI) é unha iniciativa que trata de incrementar o grao de penetración das TIC nos fogares empregando ás empresas como intermediarios. Consiste en facilitarlle ós traballadores a adquisición (en condicións vantaxosas) dun ordenador con conexión a Internet para o seu uso persoal (e o das súas familias), favorecendo así a súa inclusión na Sociedade da Información. Como contrapartida, os traballadores adquiren novas destrezas e coñecementos tecnolóxicos que poden aplicar no seu posto de traballo, o que repercute nunha mellora da produtividade da empresa, que ademais obtén unha serie de beneficios fiscais.
A iniciativa conta co apoio do Ministerio de Economía e Facenda e do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (MITeC), que defenden os programas HCI como unha ferramenta de gran interese para a alfabetización dixital de toda a sociedade.
Fundetec achega as novas tecnoloxías ós fogares españois a través das empresas
Compartir Este Artigo
