O desexo de moitos individuos (logo dunha noite de sábado imparable) é ter a súa cama ó pé da porta para botar unha soneca a perna solta ó saír da derradeira discoteca ou ben ter un coche intelixente que os leve de volta a casa mentres eles descansan da tralla da fin de semana. Pois ben, o primeiro é sinxelo: simplemente hai que levar o leito cara á zona de movida nocturna e vixiar que ninguén a ocupe ata poder saír e meterse nela de xeito cómodo. A segunda opción deixará de ser un soño no ano 2030, pois grazas ó avance da Intelixencia Artificial os vehículos que se poden conducir sen contar coa intervención humana, estarán listos nese ano (e menos mal, xa que así evitaremos desastres como o da imaxe).
Investigadores estadounidenses traballan no desenvolvemento deste prototipo de automóbil intelixente e, malia que de momento sexa máis ben unha ficción (propia de calquera película de temática futurista), semella que podería ser unha realidade para o vindeiro 2030. Polo de agora, os primeiros prototipos destes vehículos robotizados serán postos a proba en novembro deste ano, no marco dun concurso organizado por DARPA (US Defense Advanced Research Projects Agency), a célebre axencia de investigación do Pentágono (da que xurdiu a creación de Internet, entre outros avances científicos importantes).
Hoxe en día, estes coches só poden reaccionar aínda ó espazo no que se sitúan, pero está en proxecto facer que poidan enxergalo (o espazo) e que sexan quen de anticiparse a el (mellor mesmo cós humanos). Serán os donos das estradas e servirán (amais de para os lacazáns), para axudarlles ós invidentes, ós anciáns e ata ós nenos nas súas viaxes do fogar á escola (e viceversa).
Os automóbiles conducirán por nós en 2030
Compartir Este Artigo
