O vindeiro 24 de marzo, dado que ten que haber un día mundial para todo (ou iso vimos observando nos últimos anos), está proposto celebrarse o Shutdown Day, o Día Mundial Sen Computador, que consiste en pasar toda unha xornada sen facer uso do devandito trebello. Agora ben, polo visto pódense facer outras actividades alternativas e darlle distintos empregos ó mesmo (sempre e cando non se acenda), polo que un grupo de afeccionados á “práctica deportiva con portátiles” (todos eles con moito tempo de lecer e pouco sentido), vén de gravar e pendurar un vídeo en YouTube onde amosan boas ideas para sobrevivir ese día sen afastármonos do prezado aparello.
Os protagonistas da gravación salientan en menos dun minuto e medio que, tanto como pelota de baloncesto, táboa de snow, monopatín ou ata raqueta de tenis e de ping pong, o noso ordenador portátil pode estar á altura e facernos pasar un divertido anaco de tempo entre amigos. Iso si: pasado o día, xa non podemos pretender volver a usalo de novo e coa finalidade coa que foi mercado sen lembrar para sempre do Shutdown Day.
Un atolado vídeo amosa alternativas de uso para o portátil
Compartir Este Artigo
