Cada día somos máis! Ó igual que o popular programa infantil da galega (o único da historia da televisión conducido por un xabarín), o sector dos nomes de dominio de Internet no mundo tamén pode dicilo, pois pechou 2006 cun total de 120 millóns de rexistros, segundo datos da publicación Domain Name Industry Brief de VeriSing, que recolle o informe do cuarto trimestre do pasado ano.
Dito informe sinala ademais que o devandito sector dos nomes de dominio volveu a medrar de xeito considerable (un total do 32 por cento) acadando, no último trimestre, máis de 11,6 millóns de novos rexistros, fronte ós 8,7 millóns rexistrados nas anteriores tempadas do mesmo ano.
Os dominios con código país medraron un 31 por cento e situáronse en 43,7 millóns; só China aportou máis de medio millón de rexistros no último trimestre, o que supuxo un 43 por cento máis que no trimestre anterior.
Tamén a base de dominios “.net” e “.com” medrou un 30 por cento máis que o pasado ano, chegando no 2006 ós 65 millóns de rexistros. Non cabe dúbida de que Internet está cambiando (e tamén medrando).
Os dominios de Internet no mundo suman 120 millóns, un 32 por cento máis ca en 2005
Compartir Este Artigo
