Non cabe a menor dúbida de que a tecnoloxía está xa a consolidarse como un instrumento inseparable do día a día dunha boa parte da poboación. Vivimos conectados de xeito continuo á Rede, e non só mediante o teléfono móbil, senón tamén cos GPS, cos iPod ou cos ordenadores portátiles. Con este ritmo de vida, hai xente que non pode perder nin un minuto, nin sequera cando vai de viaxe. Isto, engadido ó feito de que o negocio do servizo de taxis non debe ir moi ben en Barcelona, foi o que desencadeou que un taxista da cidade decidira ofrecer conexión a Internet de balde no seu vehículo co fin de que os desprazamentos sexan de máximo proveito para os clientes (dende logo o negocio non sabemos se será rendible, pero de seguro que sacará algún tipo de beneficio o mercado de goma de mascar e pastillas para o mareo).
A idea xurdiu entre un grupo de compañeiros que se dan a coñecer no gremio como Taxi Agrupación 21 e o obxectivo é, segundo o taxista barcelonés, “tentar que o proxecto sexa levado a cabo por tódolos integrantes do colectivo Avan GTI”, unha agrupación da que tamén forma parte, “e abrirlles as portas da tecnoloxía ós demais compañeiros”.
O tempo dirá se a posibilidade de desprazarse pola cidade con conexión de balde a Internet compensa os contratempos e os trámites burocráticos que se derivan da contratación e o uso deste servizo por parte dos seus pasaxeiros.
Un taxista barcelonés ofrece Internet de balde no seu vehículo
Compartir Este Artigo
