O Ministerio de Industria semella querer afondar na liña de protexer os intereses da industria española do software, un sector que cada ano perde millóns de euros por mor da distribución masiva de copias ilegais de programas. Con este fin, o departamento do Goberno, a través do seu Plan Avanza, vén de pór en marcha unha campaña (en liña e máis fóra de liña) para promover a comercialización e emprego de software legal.
A iniciativa, que conta coa colaboración de AETIC e BSA (representantes da industria) inclúe unha web referencial (100por100legal) con información e todo tipo de descargas, amais dun programa de accións presenciais de sensibilización por toda España.
Para comezar, están previstos seis encontros para distribuidores de software en A Coruña, Valencia, Bilbao, Barcelona, Sevilla e Madrid. A reunión de Valencia será a primeira en celebrarse (a única que ten data, polo de agora): será o día 28 de marzo na Escola de Negocios Lluis Vives.
O Goberno lanza unha campaña para contrarrestar a piratería masiva de software
Compartir Este Artigo
