A empresa Tecnocom, Telecomunicacións e Enerxía quere que a súa presenza en Galiza (logo da compra da consultora tecnolóxica galega Softgal) bote fondas raizames. Así o fixo saber este venres 23 de marzo perante preto de 200 empresarios e representantes da Xunta e doutras administracións galegas, nun acto encamiñado a dar a coñecer os seus obxectivos de espallamento para a nosa terra. Neste senso, as liñas estratéxicas da empresa tecnolóxica española pasan polo seguinte: un investimento de 12 millóns de euros e creación de máis de 200 novos postos de traballo, a engadir ós que xa teñen as dependencias da recentemente mercada Softgal en A Coruña, Vigo e Santiago.
A xuntanza cos representantes privados e públicos do sector galego vinculado á Sociedade da Información contou coa presenza de Javier Martín, conselleiro delegado da compañía, para quen o mercado galego é un espazo prioritario de crecemento. Non en van, sinalou, case un terzo dos traballadores da empresa están a desenvolver o seu labor na nosa terra, co que se pon de manifesto (engadiu) que hai un notorio compromiso social e económico coa comunidade galega, co obxectivo de fomentar a creación de emprego altamente cualificado.
Cómpre sinalar que Tecnocom, que ten na Coruña un dos máis importantes obradoiros de software de España, vén de mercar Softgal (antes propiedade de Caixa Galicia) e Open Solutions por uns 40 millóns de euros. Actualmente, a empresa atópase en fase de claro crecemento, logo de obter uns ingresos en 2006 de preto de 120 millóns de euros, cifra que constitúe unha subida do 262% con respecto ós números acadados en 2005. Neste intre, as súas principais liñas estratéxicas son: outsourcing, telecomunicacións e consultora. Asemade, tamén valorou recentemente a entrada no negocio da telefonía móbil.
A tecnolóxica Tecnocom investirá 12 millóns de euros no seu espallamento en Galiza
Compartir Este Artigo
