Semella que certos aires tecnolóxicos e de innovación están a deixarse notar no comercio tradicional galego, aínda que máis paseniño do que nos gustaría. Neste senso, cómpre dicir que cada pouco tempo chega á redacción de Código Cero información sobre a posta en marcha de páxinas web vinculadas ás pequenas e medianas empresas da terra, e nós procuramos sempre que podemos dar conta delas. Un moi bo exemplo disto é a apertura da web Berce.es, unha clara aposta por levar á Rede o que xa tiña presenza na vida real (máis concretamente na Coruña), co fin de tirarlle rendemento ás vantaxes de Internet. Dito doutro xeito: a artesanía e a decoración galega teñen na Rede máis amplitude de banda.
Segundo informan os responsables da iniciativa, “Berce.es pretende ser un punto de referencia en Galicia para obxectos de decoración, mobiliario e artesanía da madeira”. A iniciativa está neste intre na primeira fase do seu desenvolvemento, a que vai encamiñada a achegar ferramentas de consulta de produtos en liña. Na segunda xa se vai empregar a páxina para completar o proceso de dixitalización.
Berce.es abrangue máis de 300 referencias e un sistema de consulta bilingüe en galego e castelán, con abondosos datos sobre os produtos que se comercializan.
Berce.es: a artesanía galega chega máis lonxe a través da Rede
Compartir Este Artigo
