Son moitas e variadas as definicións que a Wikipedia recolle da palabra ruído. Entre outras cousas, o ruído tanto pode ser un son non desexado no eido da comunicación sonora como a transmisión de datos sen significado nas operacións informáticas ou a perturbación do sinal emitido nun proceso comunicativo. Amais, dende o pasado ano, facer ruído en Internet é darse a coñecer, facerse notar, atraer ós internautas, reclamar a atención dos visitantes. E todo iso sen ter que elevar os decibelios, senón acadando o maior número de visitas no menos tempo posible á nosa páxina. Así o definen no concurso de marketing viral HazRuido, unha aventura de Media Contacts que por segundo ano consecutivo, premiará ás páxinas máis visitadas ó longo do vindeiro mes.
Os interesados en facer ruído na Rede e converterse no mellor webmaster á hora de atraer visitas, logo de inscribirse no concurso (totalmente de balde), deben xerar un vídeo, unha web ou un blog orixinal que, pola forza do marketing viral, se converta nunha das páxinas máis visitadas en Internet. A organización do concurso será a encargada de medir os diversos parámetros que determinen os concursantes que máis éxito acadaron en cada unha das facetas, é dicir, o gañador do Mellor marketing viral e o do Mellor posicionamento en Google que serán premiados con cadansúa viaxe a Punta Cana, cadanseu ordenador portátil e (o premio imprescindible neste tipo de concursos) cadanseu iPod, por xentileza de Orange.
Convócase de novo HazRuido.com, que premia a quen máis pegada provoque na Web
Compartir Este Artigo
