
Nesta nova entrega tratamos especialmente o evento Xuventude Galiza Net, repasando as actividades vinculadas ó software libre, á participación e á solidariedade cos colectivos de risco de exclusión dixital dentro do popular encontro, así como tamén tratamos temas máis lúdicos coma o modding ou a nova consola de videoxogos de Sony. Tamén falamos con Rubén Cela, director xeral de Xuventude, sobre o que supón a nova edición de XGN.
Ademais trataremos outros temas entre os que destacamos os seguintes:
- Internet non é o inimigo, de Pascual López (departamento de Promoción de Vale Music)
- A Consellería de Educación destina 10.000 novas axudas para a compra de computadores
- Entrevistamos ós responsables da web galega Telocompro.es, un éxito no eido dos espazos de poxa en liña
- A Rede tamén serve para loitar por un mundo máis xusto (resumo de iniciativas que atopamos a prol dos dereitos humanos ó longo do último mes)
- O CESGA quere afondar na liña de compartir os seus recursos con computadores e centros de investigación de toda Europa
- As mulleres galegas corren máis risco de vivir na exclusión dixital cós homes
- Entrevistamos á deseñadora gráfica Ana María López, que vén de presentar un completo manual sobre Corel
- O noso colaborador Manolo Gago axúdanos a conmemorar os cinco anos de Código Cero cunha escolma das webs que cambiaron a súa vida
- Cyclos: unha ferramenta de software libre para compartir tempo no rural galego
- Poñemos a exame os grandes servizos de correo electrónico
- As mensaxes a móbil seguen a triunfar ano tras ano contra todo prognóstico
- O noso colaborador Andrés Maneiro celebra connosco os cinco anos de Código Cero cun moi interesante artigo sobre o partido social que se lle pode sacar á Rede e ó seu caracter globalizador
- Facemos un reconto cun aquel de saudade dos trebellos tecnolóxicos que medraron con nós (nós, non eles) e que quedaron polo camiño
- Arousa Party Net quece motores dende Vilagarcía
- O salón Imaxinaria trae á comarca de Arousa ós máis senlleiros inventores da nosa terra
- A vida nunha base de datos: a teima de inmortalizalo e documentalo todo na súa máxima expresión
- David Lombardía, con motivo dos cinco anos de Código Cero, fainos un repaso dun lustro de innovación dende o punto de vista da nova orde económica
- Sevi Martínez afonda nos xogos máis salientables que se presentaron nas últimas semanas
