Cara a onde van os ollos dos internautas cando len nunha web coma esta? É efectivo o deseño da nosa páxina? Como debemos facer para atraer mellor a atención do lector? Estas e outras cuestións son as que máis atrancos poñen ó labor dos webmasters á hora de afrontar o deseño de novas páxinas web e empregar de xeito conveniente os recursos multimedia dos que se dispón non serve de nada se non se ten en conta como len os internautas na pantalla (que curiosamente difire bastante do papel). Estes días o noso compañeiro Manolo Gago reflicte no seu Capítulo Cero un estudo que trata ben a fondo estes e outros temas. A Eyetrack´07, investigación presentada por Sarah Quinn e Peggei Stark do Poynter Institute en Washington, tenta determinar como os usuarios de Internet len as web (a través dos movementos oculares que realizan). O estudo contén estas e outras respostas, moi útiles sobre todo para os especialistas en marketing en liña. Esta edición inclúe ademais unha análise da lectura de consumidores de medios impresos, moi interesante para facer comparacións e tirar polo chan algúns falsos mitos. Segundo o devandito informe, a xente le máis a fondo na Web ca nos xornais impresos; e aínda que no papel a lectura dos usuarios é máis metódica ca na Rede, a cantidade de texto lida é a mesma en ambos formatos. Por outra banda, o estudo revela que os formatos alternativos de representación da información axudan ós lectores a entender o que len e incrementan a atención destes ata nun 15 por cento. Mentres que na prensa as grandes fotos e titulares atraen a atención do usuario, na Web os principais elementos condutores da atención son os direccionais como barras de navegación, columnas de titulares ou os ladiños. En definitiva, se ata o de agora tiñamos a preocupación de crear páxinas web bonitas e funcionais, cómpre que no futuro lle emprestemos máis atención á efectividade das mesmas, que aumentará conforme teñamos máis en conta o xeito de lela dos visitantes, información privilexiada (pero non definitiva) que achega o Eyetrack desta edición.
O Eyetrack 2007 desvela como locen as webs ós ollos dos internautas
Compartir Este Artigo
