Tirar proveito do espírito solidario galego e, ademais, impedir na medida do posible que os voluntarios en potencia fiquen na inactividade por non ter atopado lugar ó que dirixirse. Estes son algúns dos grandes obxectivos da páxina web www.voluntariadogalego.org presentada este martes 3 en Santiago polo director xeral de Xuventude, Rubén Cela, unha iniciativa encamiñada a ser na Web o que nas relacións presenciais coas institucións son as portas únicas e accesibles nas que petar. Amais diso, sinalou Cela, está o factor “punto de encontro para todo o movemento voluntario de Galiza”. É dicir: que a comunicación non se vai dar só co devandito departamento de Vicepresidencia, senón tamén entre uns cidadáns e outros, entre uns colectivos e outros. Segundo apuntou o director xeral, coa posta en marcha deste portal dáse cumprimento a unha das apostas recollidas no Plan Galego de Voluntariado 2006-2010, “onde figura a necesidade de incorporar e aproveitar as novas tecnoloxías como instrumento funcional e organizativo das entidades, así como de facilitar a presenza activa destas na Rede”.
A posta en marcha do novo portal, co fin de favorecer esta comunicación entre os membros da acción solidaria galega (e entre eles e Xuventude), achega tamén a cada asociación solidaria a súa respectiva chave de acceso, co fin de poñer á súa disposición datos actualizados sobre actividades en xeral e as ferramentas precisas para concorrer coas súas propias informacións (novas, imaxes, vídeos, etc). Deste xeito, Xuventude quere que a dirección que decote seguen os datos neste tipo de proxectos gañe en complexidade, facendo a cada asociación subministradora de contidos e xestora dos mesmos, ombro con ombro co departamento da Xunta. En definitiva: o novo proxecto web da Dirección Xeral semella xurdir directamente da nova orde participativa da Internet (a Web 2.0), na que o lector (neste caso o cidadán voluntario) non se limita a ser un mero receptor de datos, senón que el mesmo ten ampla marxe para colaborar.
A web tamén servirá para levar a cabo solicitudes solidarias concretas dos internautas para desenvolver accións e conta (ademais) cun buscador de recursos do voluntariado a nivel mundial.
Asemade, o portal constitúe un espazo de consulta onde os internautas teñen acceso a convocatorias de axudas e programas para o voluntariado, información legal, ou asesoramento on-line, ao tempo que se abre tamén como un espazo para a formación.
Xuventude quere unir a tódolos voluntarios de Galiza nun único portal web
Compartir Este Artigo
