Hoxe puidemos saber (aquí, en formato pdf) a contía dos investimentos do Ministerio de Industria e dos Concellos participantes no programa Cidades Dixitais ó longo de 2006, iniciativa que beneficiou a cinco localidades galegas nese período e que, se nada o impide, contribuirá a curto ou medio prazo ó afianzamento na Sociedade da Información noutras tantas vilas e cidades da nosa terra. O concello que máis investimentos puxo en xogo foi A Estrada (na imaxe), con sete actuacións e 1.305.217 euros de contía total. As Pontes e Vilalba, xuntas en Vilas Dixitais, percibiron 244.556 euros, o Camiño de Santiago (con oito actuacións) 609.000 euros; Lugo (con sete actuacións) 247.500 euros e Vigo (con cinco) 174.601 euros. Todo elo constitúe un presuposto para Galiza de 2.580.874 euros.
O total do orzamento para 42 concellos de toda España foi de 30.339.912 euros, dos que 12,83 millóns foron achegados polo Goberno central. Segundo informa o Ministerio de Industria, en todas estas localidades (e en colaboración cos gobernos locais) leváronse a cabo actuacións de infraestrutura, administración electrónica, formación, telecentros, cultura, lecer, turismo e comercio dixital.
Asemade, neste reconto de cifras que vén de presentar Industria, tamén se fai referencia ó programa Cidades Singulares, do que forman parten 77 entidades locais de todo o estado español, incluídos os concellos de Lugo e Santiago. Nestes espazos puxéronse en marcha iniciativas encamiñadas a favorecer a chegada da administración e do comercio electrónico e da TDT, entre outras medidas máis vinculadas coa formación tecnolóxica. O orzamento en 2006 foi de 43 millóns de euros, dos que 24,13 foron achegados polo Ministerio de Industria.
Cidades Dixitais tivo un investimento en Galiza duns 2,5 millóns de euros en 2006
Compartir Este Artigo
