“Unidade didáctica 1: Cambia o clima?”…ilustrado cun pingüín suxeitado a un termómetro, é así como comeza o encabezamento dunha das partes máis fundamentais de Climántica, unha web elaborada pola Consellería de Medio Ambiente para a sensibilización social do cambio climático á que xa accederon usuarios de máis de 37 países diferentes e que ó longo do pasado febreiro recibiu máis de 5.000 visitas, segundo informou os días pasados Europa Press.
Considerada polo Ministerio de Medio Ambiente como un “referente no Estado” para o asesoramento dos estudantes de secundaria e da cidadanía en xeral, esta web permite descargar información sobre os efectos que o cambio climático está a causar nos nosos ecosistemas, así como participar de xeito activo enviando comentarios e suxestión sobre este fenómeno en tres idiomas: inglés, castelán e galego.
Esta campaña de sensibilización, promovida pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, en colaboración coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, é froito do traballo en equipo levado a cabo por diferentes especialistas e inclúe outro tipo de actuacións dirixidas a diferentes sectores da poboación.
Deste xeito, a través de ciclos de conferencias e charlas, achégase ó público en xeral, mentres que ó sector universitario e escolar chega mediante outras actividades como curtas, cómics, vídeos ilustrativos ou cursos de formación.
A web do cambio climático da Xunta incrementa a súa pegada
Compartir Este Artigo
