A Oficina de Atención ó Usuario de Telecomunicacións do Ministerio de Industria vén de facer reconto de todo o recibido e tratado ó longo de 2006. Así, segundo informou estes días nun comunicado, a cifra de reclamacións recibidas o ano pasado ascende a 15.210, o que significa un incremento do 24,1% con respecto ás 12.255 queixas que se fixeron chegar en 2005. Polo que respecta ás reclamacións resoltas, foron 15.394, sendo as do ano anterior de 12.019, o que implica un aumento do 28%. Do total de resolucións, a Oficina comunica que o 83% foron favorables ó reclamante, sendo o 17% restante desestimadas.
Polo que respecta á natureza mesma das queixas, cómpre sinalar que as vinculadas coa telefonía fixa seguen a ser as máis abondosas, chegando en 2006 ó 34,7% do total. Sexa como sexa, a importancia numérica deste tipo de reclamacións é abondo decrecente. Así, nas estatísticas da Oficina constátase un incremento importante das denuncias vinculadas ó acceso a Internet (32,7%) e á telefonía móbil (15,3%).
A Oficina de Atención ó Usuario de Telecomunicacións recibiu en 2006 un 24,1% máis de reclamacións ca no ano anterior
Compartir Este Artigo
