Un dos cambios máis transcendentais que está a sufrir a profesión xornalística (e que vai de vai de xeito inevitable ligado ás emerxentes plataformas de comunicación como por exemplo Internet) é a aparición dos chamados blogs, weblogs ou bitácoras, dos que se valen moitos profesionais dos medios na actualidade. Por este motivo e co obxectivo de reunir ós máis prestixiosos expertos deste eido para intercambiar opinións e debater a situación actual do xornalismo dixital, o Departamento de Xornalismo da Universidade Complutense, convoca, ó longo dos vindeiros 25 e 26 de abril, a segunda edición do Congreso Internacional de Blogs e Xornalismo na Rede, un evento que reunirá en Madrid a mestres, investigadores, xornalistas e blogueiros procedentes de 15 países de todo o mundo.
O Congreso, que conta coa colaboración do Observatorio de Xornalismo en Internet (OPEI) e da Fundación Orange, será transmitido, por primeira vez, en tempo real a través dunha páxina web propia.
Nos diferentes relatorios que se darán nesta convención, trataranse temas como o estado actual do xornalismo na Rede, a expansión de fenómenos blog tanto no entorno dos medios como na propia sociedade, as tendencias do xornalismo profesional e as novas tecnoloxías dixitais ou a ensinanza do xornalismo e a comunicación ante as novas tecnoloxías dixitais.
Até o de agora, o evento conta con máis de 500 inscritos, que disporán dun espazo sen fíos habilitado especialmente para que poidan acceder á Rede cos seus portátiles ou con outros dispositivos móbiles. Os asistentes recibirán cadanseu diploma e o correspondente certificado de asistencia.
A Complutense de Madrid convoca o II Congreso Internacional de Blogs e Xornalismo na Rede
Compartir Este Artigo
