A Universidade de Vigo e ITC Grupo veñen de asinar un acordo co obxectivo de favorecer as opcións no mercado de traballo dos estudantes de enxeñarías da devandita institución educativa. Deste xeito, segundo se especifica nos termos da alianza, unha escolma de mozos e mozas poderán levar a cabo o seu proxecto fin de carreira na empresa en espazos de traballo cen por cen afeitos á realidade da actividade económica e empresarial, sobre todo a vinculada coas telecomunicacións e a I+D en xeral.
A iniciativa parte dun número inicial de nove alumnos seleccionados, cifra que se irá ampliando a medida que a compañía cubra novos nichos de mercado acordes coas titulacións dos estudantes. Asemade, cada alumno contará con bolsas de 750 euros achegadas por ITC.
Nun principio, as ofertas van dirixidas sobre todo a estudantes de telecomunicacións, enxeñería informática e industrial. Os seus primeiros eidos de traballo estarán vinculados á instalación e configuración de rede privada de radiocomunicacións con tecnoloxía Tetra. De feito, esta tecnoloxía vai ser o alicerce dun innovador proxecto da empresa galega ITC, que consistirá en achegar servizos de comunicacións encamiñados principalmente a labores de cobertura de emerxencias e seguridade. Porén, ITC ten máis proxectos en marcha, como o desenvolvemento dun sistema de control de instalacións AVL (Automatic Vehicle Location), iniciativa que achegará ó estudante un “bo dominio de ferramentas de deseño web e un óptimo coñecemento práctico sobre o principal sistema de xestión de flotas de mercado”, manifesta a empresa.
Estudantes de enxeñerías de Vigo poderán facer os seus proxectos (remunerados) de fin de carreira en ITC
Compartir Este Artigo
