As novas tecnoloxías gozan nas universidades de boa saúde (e viceversa). Sobre todo, como ferramentas de investigación, soportes para o ensino e a aprendizaxe e apoio á dirección das institucións educativas. Porén, tamén é certo que cómpre ir avanzando no seu emprego, co obxectivo de dinamizar os propios servizos universitarios, facelos máis eficaces e contribuír, en última instancia, á normalización das redes do coñecemento en todos os niveis da sociedade. Un exemplo diso é o que acontece coa cobertura sen fíos nos campus, que hoxe está no 54% e que se pretende levar a curto prazo ata o 100%. Estas son algunhas das principais conclusións do informe As TIC no Sistema Universitario Español (2006): unha visión estratéxica, que foi presentado recentemente na Complutense (na imaxe) polos reitores das universidades de Santiago e Pública de Navarra, Senén Barro e Pedro Burillo (respectivamente), e polo presidente da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), Juan Vázquez.
O estudo, que foi elaborado polo Grupo TIC da CRUE e dirixido polos devanditos reitores, achega os seguintes datos de interese sobre novas tecnoloxías e universidades:
· Os obxectivos das institucións pasan por integrar plenamente as novas ferramentas de comunicación na docencia. A intención é que todas as aulas teñan ordenador conectado a Internet (hoxe en día téñeno o 28,9%) e un proxector multimedia (actualmente hai un por cada dúas aulas). Ademais, quérese que todas as materias teñan plataforma de docencia virtual (hoxe úsana o 37%) e que haxa cobertura de redes sen fíos no 100% dos campus, cobertura que actualmente está nun 54%.
· Para os responsables do informe, o acceso ás TIC nas universidades de cara á investigación acada un nivel que só pode cualificarse de “excelente”. Así, sinala o informe, “todas as conexións son de banda ampla (10/1000 Mbps) e a interconexión entre as mesmas a través de RedIRIS ten velocidades de transmisión de 10 Xbps que permiten aplicacións avanzadas de docencia e investigación, así como compartir recursos de computación”.
· A investigación tamén sinala que, con respecto ós usuarios, o 96% do persoal docente e investigador e o 100% do persoal de administración e servizos contan con servizos de Internet, malia que (iso si) o estudo sinala a necesidade de incrementar a formación en TIC de toda a comunidade universitaria.
· Polo que respecta ó grao de informatización dos servizos universitarios, o informe indica que pode considerarse “variable”. O motivo desta afirmación é o seguinte: “Fronte a porcentaxes de practicamente o 100% de penetración de aplicacións, como consulta de notas a través da web, automatrícula en liña ou consultas a bibliotecas, existen servizos de escasa implantación como os relacionados coas compras electrónicas ou a sinatura dixital, que non superan o 25% de implantación”. Segundo o traballos da CRUE, é preciso incrementar a informatización de todos os servizos (hoxe están nun 60%) e os elementos de administración electrónica (agora ao 40%). Polo que respecta ó software libre, a situación semella máis precaria: só o 9% dos ordenadores universitarios contan cun sistema operativo libre e unicamente o 30% dos produtos informáticos empregados nestas institucións educativas son de fonte aberta.
As universidades españolas queren chegar ó 100% de cobertura de acceso sen fíos
Compartir Este Artigo
