O aforro no consumo de enerxía supón un importante pulo para a economía das empresas, institucións e particulares, e, o que é máis importante: contribúe a preservacións dos recursos naturais e a evitar, na medida do posible, o quecemento da Terra (aínda que estes días semelle estar máis preto do sol que nunca). A compañía galega Esinor, que quere colaborar na conservación do medio ambiente deseñando e implantando sistemas de aforro de enerxía para redes de alumeado, vén de presentar en Santiago de Compostela o ComputerCraft, unha solución alternativa que permite reducir o consumo eléctrico en máis dun 60 por cento, aproveitando tódalas posibilidades do desenvolvemento sostible.
Este xestiona as redes de alumeado e optimiza ó máximo o seu consumo e, como sinala a propia empresa, sen restar calidade ó servizo e operando dende un único punto, grazas á tecnoloxía GSM e Internet. O ComputerCraft actúa exercendo un control sobre cada punto da rede de xeito independente, o que permite decidir cando, onde e canta enerxía se consume en cada punto e levar a cabo un seguimento polo miúdo da rede co fin de adiantarse ás incidencias que puideran xurdir (caídas de tensión, fundido de lámpadas).
A implantación do ComputerCraft, segundo Roberto Pérez, director de Esinor, “supón un importante aforro económico e do consumo enerxético ó tempo que permite dispor dunha rede de iluminación optimamente xestionada, de xeito sinxelo e centralizado”.
Os datos semella que dan a razón, posto que ó longo de 2006 consumíronse en Tecnópole (o Parque Tecnolóxico de Galicia, onde xa está instalado) 12,6 millóns de kw/h menos o que supuxo o aforro de máis dun millón de euros e de preto de once millóns e medio de toneladas de CO2 que deixaron de emitirse á atmosfera.
Esta aposta pola conservación do medio ambiente e o desenvolvemento sostible que Esinor leva a cabo coa creación do ComputerCraft conta cun importante respaldo institucional e supón un paso importante no desenvolvemento sostible do país.
Esinor presenta en Santiago o seu sistema de aforro enerxético en liña, que reduce o consumo en máis dun 60%
Compartir Este Artigo
