Dixémolo nun artigo redactado con motivo da vindeira conmemoración do Día de Internet (o vindeiro 17 de maio): a Web 2.0, se a collemos ben polas rendas, ten un gran potencial na nosa terra para favorecer o asociacionismo, os movementos cidadáns e, en definitiva, todas aquelas accións colectivas que, seguindo a liña solidaria afianzada co desastre do Prestige, denuncien perante a comunidade internauta os constantes abusos contra a liberdade, a lingua ou a natureza que se están decote a rexistrar.
Nesa liña de usar a Internet como un altofalante de intrincadas e case sempre beneficiosas repercusións é onde se insire a acción social de Salvemos Monteferro, organización que, partindo dun feito puntual (que é a loita por protexer un espazo natural ben localizado en Nigrán), quere poñer de manifesto a degradación imparable da costa galega a mans dos intereses urbanísticos e industriais.
Un exemplo diso é a iniciativa presentada no site con motivo do Día da Terra, este domingo 22 de abril.
O traballo en liña, desenvolvido polos colectivos que integran o grupo A Ría non se vende, consiste nun mapa-informe con 15 puntos da costa sur de Galiza hoxe en día especialmente ameazados pola contaminación e a destrución alarmante da nosa paisaxe. O mapa incluído na devandita web ofrece a posibilidade de clicar e obter información sobre a problemática de cada lugar, incluíndo ligazóns a páxinas relacionadas, hemeroteca, contactos con grupos e asociacións.
Asemade, a proposta da web inclúe un Punto Cero dedicado ó mar: “Un estudo do seu movemento, das correntes e a renovación das augas, do por que da súa gran riqueza biolóxica, e do seu delicado equilibrio”.
Os 15 puntos máis ameazados pola contaminación na Ría de Vigo, na Internet
Compartir Este Artigo
