O operador galego de comunicacións por fibra óptica, R, vén de asinar varios acordos de colaboración con INTECO (sociedade adscrita ó Ministerio de Industria) para poder colaborar co seu Centro de Alerta Temperá sobre Virus e Seguridade Informática (CATA) na procura e detención de virus distribuídos por correo electrónico.
R comprométese así a achegar información relativa a este tipo de virus para ampliar os datos e as estatísticas que ofrece decote o CATA de INTECO, a través de inteco.es e alertaantivirus.es, webs nas que o internauta pode informarse de todo o que acontece na Internet arredor da evolución do perigo potencial de infección a través do correo.
A compañía galega incorpórase a esta Rede de Sensores do Centro (formada por 90 entidades públicas e privadas) que xestiona diariamente máis de vinte e cinco millóns de correos electrónicos.
Esta nova colaboración de R (segundo palabras da propia operadora) é o primeiro paso cara á futura implicación en novos proxectos nos que xa traballa dende o CATA de INTECO, todos eles encamiñados a garantir a seguridade na Rede e axudar a combater os virus e outros elementos non desexados e, dende logo, nunca ben recibidos.
R faise colaborador de INTECO na procura e detección de virus na Rede
Compartir Este Artigo
