Hai presenza galega entre os finalistas da décima edición dos premios da Asociación de Usuarios de Internet ás mellores webs do estado español. Falamos do Diario de Gourmet de Provincias y su Perro Gastrónomo, caderno web mantido dende a nosa terra e que xira sobre todo arredor da cociña (non só a galega) como tema principal (e canle de comunicación de primeira orde), pero tamén en torno a outras cuestións que teñen moito que ver entre si: as viaxes, os libros, a música, a arte ou a arqueoloxía. Por certo que o blog opta na categoría de Mellor Web Persoal.
Polo que respecta ó resto dos nomeados e das modalidades, cómpre sinalar que probablemente sexa a categoría Mellor Web Española a que máis atención dos medios e dos internautas semella acaparar, sendo os sites que referimos de seguido os que van escoitar finalmente os tambores de fondo entre traxes de gala e alfombras vermellas, sendo un unicamente o elixido: a web oficial de Turismo Valencia, Mayormente.com, Asturias Natural, ADSL Ayuda, Creación de Empresas, Repsolypf.com, Ciudad Sorda Virtual, Educaweb.com e Portal Turismo rural Tenerife.
Como dixemos, os galardóns que outorga a Asociación de Usuarios de Internet van xa pola décima edición e semellan ir acadando con cada ano un aquel de máis prestixio, sobre todo debido ó elevado nivel das webs candidatas. A Asociación tamén premia á Mellor Empresa Española, ó Mellor Xornalista, á Mellor Web de Lecer, ó Mellor Municipio. Asemade, inclúe o dito galardón á Mellor Web Persoal, onde, amais do blog galego do que falamos, concorren outros dez cadernos seleccionados polos internautas na web da AUI: Almudena Cid, El último Carretero, Futuros Policías, Literatura de tradición oral…, Mabelramos.com, María-Innova.com, Pluks, Carlos Polo e a Real Sociedade.
O vindeiro 9 de maio anunciaranse os tres finalistas de cada categoría e o 14, coincidindo co primeiro día do Congreso Mundo Internet 2007, entregaranse os galardóns en Málaga.
O blog do Gourmet do Provincias, finalista nos premios da AUI
Compartir Este Artigo
