Semella que van quedando atrás os tempos en que non había máis xeito de saber de onde viña o vento que enchoupando o dedo, ou de enxergar o sitio exacto no que te atopabas que facendo complicadas operacións de cálculo que non levaban a ningures e que remataban case sempre da mesma maneira: perdendo a metade do tempo de lecer do que dispuñas. Cómpre admitilo: os xeitos de encarar a aventura xa non son os mesmos ca antes da chegada das redes da información e demais, e o que se perdeu dalgún xeito en espontaneidade (iso de saír co mapa vello cos manchóns en anel de ducias de cuncas de café) estase a gañar en eficacia, aforro de tempo e, sobre todo, en seguridade.
Nesa liña vai precisamente Alpinaut, que é un novo servizo que descubrimos estes días vía o Diario do viaxeiro e que consiste nun servizo en liña (un smash-up, concretamente) que semella ter sido deseñado á medida dos aventureiros con pouco tempo dispoñible e con poucos desexos de andar dando voltas polo monte con face de circunstancias (difíciles).
A través deste espazo podemos atopar lugares para levar a cabo todo tipo de deportes en contacto coa natureza dos que probablemente nunca escoitamos falar. Isto conséguese grazas ás achegas dos internautas-aventureiros, que colaboran na web a través do seu wiki (o obradoiro) engadindo resencións topográficas en calquera curruncho do mundo.
Ou sexa, cada usuario coopera situando nos mapas do buscador Google o que entende por un punto de interese (POIs), incluíndo datos sobre as actividades que se poden levar a cabo alí e de que xeito. As posibilidades son ben variadas e, dende logo escasamente recomendables para todos aqueles que prefiren pasar a fin de semana sen máis riscos có facerlle un furado ás pantuflas: escalada en penedos e xeo, barranquismo, espeoloxía, esquí de montaña, sendeirismo, rutas con raquetas de neve, etc.
Cómpre sinalar que os mapas xerados por Alpinaut e os seus usuarios pódense integrar logo en calquera sitio ou bitácora (saca partido das posibilidades da Web 2.0). Para iso, teremos que elixir o sitio exacto que mellor nos entre polo ollo e seleccionar a opción “Pór este mapa na súa páxina”. Posteriormente, teremos que inserir o código HTML.
Por certo que non atopamos aínda ningunha referencia galega.
Alpinaut: novo servizo en liña para atopar espazos de aventura
Compartir Este Artigo
