A entidade galega Caixa Galicia vén de presentar un innovador sistema, pioneiro en Europa, que permite realizar transaccións coa empresa mediante o DNI electrónico, o novo documento identificativo do que xa se tramitaron máis de medio millón en toda España.
Este moderno sistema permite operar a través de Internet na páxina web da compañía ou dos caixeiros de Caixa Galicia co DNIe (como se coñece agora a este novo documento) do mesmo xeito que se operaría cunha tarxeta de débito corrente.
Segundo lle indicou o director xeral adxunto de Sistemas da entidade, José Valiño, á axencia EFE, “nuns anos, o DNIe substituirá á tarxeta de débito para o seu emprego en tódolos caixeiros, aínda que de momento calcúlase que este ano só se poderá empregar en medio cento”. Asemade, Valiño asegurou que o novo documento de identidade ofrece un dispositivo seguro de creación de sinatura co que o seu uso para as operacións bancarias “aumentará aínda máis a súa seguridade”.
Dende onte, 2 de maio, os clientes de Caixa Galicia que posúan un DNIe poden acceder a Internet e realizar transaccións mediante este sistema, tan só inserindo o DNIe nun lector de tarxetas chip conectado ó ordenador e tecleando a clave segreda ou pin que previamente facilita a Policía co Documento Nacional de Identidade. Para garantir a identidade do cliente, Caixa Galicia conectarase coa Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, que validará a operación.
Na nosa terra, dende a entrada en vigor deste moderno sistema de identificación, xa se expediron máis de 110.000 DNIe, unha cifra que representa o 21 por cento dos expedidos en toda España e que non tardará en aumentar debido a que a caixa galega tamén vén de presentar á Dirección Xeral da Policía a posibilidade de que nas oficinas da entidade se poidan expedir no futuro os DNIe, unha proposta da que aínda non se obtivo resposta por parte das autoridades.
Asemade, Caixa Galicia está a traballar con varios organismos públicos para poder ampliar os servizos ós seus clientes a través de Internet e dos caixeiros mediante o emprego deste documento electrónico, como permitir realizar a declaración da renda ou pedir un certificado de empadroamento.
Caixa Galicia permite realizar transaccións económicas co DNI electrónico
Compartir Este Artigo
