Caixanova quere conmemorar a través de Novaxove o Día das Letras Galegas e máis o Día de Internet e (tamén) o Día das Telecomunicacións (tres celebracións nunha soa o 17 de maio). Con esta finalidade, está a abrir vieiros alí onde se poden tocar os temas conmemorados, é dicir: alí onde a unión fai a forza e non todo o contrario. Por exemplo: a concorrencia do galego na Internet pode contribuír a mellorar a riqueza e máis as posibilidades de comunicación desta plataforma, e, a cambio, a nosa lingua obtén máis vías de normalización e de preservación.
A iniciativa de Novaxove consiste nun certame de microrrelatos en liña, tanto na feitura e na presentación (estanse a pendurar na Rede) como no fondo (o tema ten que ter vínculos coa Sociedade do Coñecemento).
O concurso na web, que inclúe agasallos só polo feito de participar, xa conta neste intre (a día 9 de maio) con cinco microrrelatos: Suicidio de un chateiro (por Morientes) , As Mans dos lectores (por Kitcar) , Microrrelato de Finx, A ”microhistoria” de Xindilo e A proposta de eleme.
O certame vai seguir coa publicación diaria de contos, “co fin de que a comunidade NX poida admirar o talento literario dos usuarios da web e, a maiores, a beleza da palabra en galego”, en palabras dos organizadores.
Novaxove organiza un concurso de microrrelatos para conmemorar o 17 de maio
Compartir Este Artigo
