A Web 2.0 non para de ter “fillos”, algúns máis iguais entre eles ca outros, sendo moitos os que dende o principio medran estreitamente cinguidos á cultura, como alternativas especializadas ás normalmente pouco traballadas tres ou catro páxinas que dedican ó tema os medios de comunicación tradicionais. Así, vémolo en moitos exemplos, estase a impor a participación activa dos internautas no tratamento de cuestións como a arte, o cinema ou literatura, e todo xirando arredor do mesmo principio: na Internet sempre hai alguén que ten máis coñecemento sobre un tema cós xornalistas obrigados a tocar unha chea de temas diferentes.
Nesta liña semella que está a funcionar Culturizame.net, web na que podemos atopar un aquel de asesoramento sobre libros, CDs, concertos, obras de teatro ou exposicións de calquera índole. Porén, e xa que se trata dun “fillo” da Web 2.0, aquí non hai un única voz, xa que estamos a falar dunha rede social onde os usuarios opinan e achegan datos sobre calquera actividade cultural que se lles poña a tiro a través da Internet. Nada novo, en realidade.
O obxectivo dos seus mantedores é (como dixemos) crear unha segunda valoración con respecto ó que aparece nos medios tradicionais. Ou sexa: axudarnos a decidir se pode resultar conveniente ou non acudir a un determinado espectáculo, se pode responder ou non ás nosas expectativas.
A rede, segundo apuntan os seus responsables, está aberta as opinións dos lectores, mesmo ás súas votacións con respecto ás novas xurdidas nas webs máis informativas. Tamén poden achegar informacións redactadas por eles mesmos. Como noutras redes sociais xurdidas ó longo destes últimos anos, os usuarios figurarán con maior ou menor nivel de credibilidade, feito que incidirá (amais dos votos da comunidade) nunha maior ou menor valoración das novas aparecidas.
Culturizame.net: novo espazo para a opinión colectiva de libros, discos ou obras de teatro
Compartir Este Artigo
