Cando falamos de xogo en liña normalmente referímonos a usuarios que pasan horas co World of Warcraft e outros videoxogos multi-usuario, pero hai outra cara do xogo na Rede que se mantén na alegalidade e resulta procupante, xa que en 2006 se apostaron uns 413 millóns de euros na Internet española, agardándose que a cantidade podería chegar ó 600 millóns no presente ano segundo AEDAPI (asociación das casas de apostas virtuais).
Actualmente as empresas que exercen este negocio en España están sitas en paraísos fiscais e países nos que as apostas na Rede teñen algún tipo de regulación permisiva, e a situación á que se está chegando preocupa enormemente ó sector das máquinas recreativas en España, pois ven na Internet unha ameaza para os seus negocios. As asociacións que protexen a estas empresas en España argumentan que as súas actividades están moi reguladas e vixiadas, mentres que as casas de apostas virtuais non contan con ningún control. Así, mentres cada máquina situada nun bar supón uns ingresos de 3.600 euros/ano para a comunidade autónoma na que estea, o xogo na Rede non paga impostos en España, e o sector tradicional agarda que o Ministerio de Facenda tome cartas no asunto.
Un factor que tamén se ten que ter en conta é a falta de control sobre as apostas realizadas por menores na Rede, así como a diferenza do reparto de premios, de xeito que as apostas en liña resultan excesivamente atractivas, pois reparten en premios o 90% dos seus ingresos (en boa medida, por non pagar impostos) mentres que as loterías do Estado reparten o 63%, a ONCE menos do 50%, os bingos un pouco máis do 65% e as máquinas recreativas o 75%.
Denuncian o aumento das apostas en liña en España
Compartir Este Artigo
