Un grupo de profesionais do Colexio Oficial de Psicólogos de Valencia vén de presentar a web psicologiaintegral.es, un sitio no que atenderán en liña a todos aqueles doentes que desexan realizar consultas ou recibir tratamento psicolóxico a través de Internet.
A psicóloga responsable da iniciativa, María Ángeles Morán, explicou que se trata dunha web interactiva dirixida por psicólogos especializados en diversas materias onde os usuarios “poderán atopar a solución ós seus problemas vitais e sociais”.
O portal acabado de presentar contén foros, chats, obradoiros de traballo e consultas individuais seguindo un esquema que se divide en catro áreas de terapia: ser un mesmo (depresión, ansiedade, estres, autoestima), parella e sexo (separación, divorcio, comunicación, violencia doméstica), familia e amigos (mocidade, harmonía familiar, terceira idade) e traballo (acoso, estres, desleixo laboral).
Morán salientou a comodidade física e emocional da páxina, xa que permite facer consultas dende o mesmo fogar de xeito anónimo e apuntou que se trata “dun lugar de encontro entre persoas con intencións de mellorar, aprender, paliar a súa soidade e compartir as súas vivencias e inquietudes”; este método supón para moitas persoas unha solución rápida ós seus problemas emocionais.
Polo de agora, o servizo que ofrece esta web (de xeito gratuíto) ten un horario limitado, pero, dependendo da demanda rexistrada, “máis adiante cubrirá as 24 horas do día, terá tarifas segundo o método de consulta e será atendida por un grupo máis nutrido de profesionais”.
Ó igual que noutros foros de características semellantes, os usuarios deste poderán expoñer os seus problemas para que, tanto os psicólogos dispostos pola web como o resto de usuarios poidan contestar coas súas opinións.
Ademais, o chat establece talleres de traballo, nos que se agrupa ós doentes con consultas semellantes de xeito que se aproveita a infraestrutura informática para facer psicoloxía en grupo dirixida por un profesional pero tamén existe a posibilidade de realizar consultas privadas individualizadas nas que o doente pode optar por manter o anonimato no chat, establecer unha conversa na que só se escoiten as voces, ver na pantalla do ordenador ó psicólogo ou realizar consultas “cara a cara” a través dunha webcam.
Nace un portal que permite realizar consultas de psicoloxía con profesionais en liña
Compartir Este Artigo
