
A meirande parte dos medios de comunicación galegos dedicaron especiais ó seguimento dos comicios, pero foi máis significativo o xeito no que se viviu a xornada a través dos blogs, pois tanto políticos como cidadáns foron compartindo as súas impresións, algo que non pasara en anteriores municipais (cando o fenómeno dos blogs aínda estaba emerxendo).
Un dos blogueiros que resultou máis relevante este domingo foi, sen dúbida, Iván Puentes, que trala súa traxectoria en Xuventudes Socialistas de Galicia estreouse na política presentándose coma candidato á alcaldía de Fene, obxectivo do que saíu vitorioso e que agradeceu dende o seu blog ó pouco de coñecerse os resultados electorais.

Trala revolución dos blogs na vida política, outro fenómeno chegou tamén ás campañas electorais, que foi o vídeo na Internet, e dende o BNG xa anuncian que gañaron tal batalla, xa que a canle do Bloque en YouTube superou en visitas ó do Partido Popular (o PSdeG non empregou tal plataforma como soporte das súas promocións de vídeo) pese a ter unha vida moito máis curta.
Agora só resta ver se todas estas ferramentas que achega a Rede continúan a contar co apoio dos políticos unha vez rematada a campaña, de xeito que as integren no seu xeito de relacionarse cos seus electores e administrados.
As Eleccións Municipais fixéronse notar na Internet galega
Compartir Este Artigo
