As operadoras de telecomunicacións estanlle a declarar a guerra ós moitos concellos que ofrecen acceso á Rede de balde a través de Wi-Fi ós seus veciños, posto que con este tipo de servizo municipal se está a producir unha distorsión do mercado, e a propia Comisión do Mercado das Telecomunicacións desaproba este tipo de iniciativas, pero os usuarios do proxecto A Estrada Dixital poderán respirar tranquilos pois o seu director, Carlos Andújar, afirmou que o servizo só é gratuíto durante o funcionamento experimental da rede sen fíos.
Así, o programa A Estrada Dixital está xestionado a través da Fundación Cultural de A Estrada, que conta coa autorización expresa da CMT, e unha vez remate a promoción inicial o acceso a través da súa rede será de pago, aínda que a uns prezos moi inferiores ós das conexións ós que estamos afeitos, pois cobrarán uns 10 euros/mes.
O servizo podería seguir sendo de balde ata o mes de setembro, pois os responsables están a ter problemas para atender a demanda de conexións, posto que recibiron un total de 1.950 solicitudes de conexións, da que atenderon preto de 1.600, polo que estenderán a promoción de lanzamento para compensar as esperas na alta do servizo.
Ata o momento A Estrada Dixital rexistrou ata 800 conexións simultáneas, cunhas porcentaxes de satisfacción co servizo moi elevadas na zona rural, quedando aínda parte do casco urbano por reforzar a súa cobertura.
O servizo Wi-Fi de A Estrada Dixital non terá problemas coa CMT segundo os seus responsables
Compartir Este Artigo
