Pati é unha moza de Montblanc (Tarragona) que leva catro anos loitando contra a leucemia e que agora precisa un donante de medula ósea para seguir dando guerra como adolescente que é. Por desgraza, nin os seus irmás nin os seus familiares son compatibles con ela polo que tivo que acceder á base mundial de doantes de medula ósea para atoparlle remedio a esta terrible enfermidade pero alí, sorprendentemente, tampouco atopou ningún doante compatible a pesares de contar con 11 millóns de persoas inscritas.
Agora, esta moza de 16 anos maila súa familia, veñen de iniciar unha campaña en Internet para atopar un doante de medula ósea válido para ela e dende a súa web (amigosdepati.tk) pídenlle a tódolos posibles doantes que acudan a un banco de sangue para facerse unha proba de compatibilidade.
No portal tamén se pode atopar información sobre o tema e poñerse en contacto coa familia, así como seguir paso a paso a consecución de cada pequena meta que se propoñen, que non é máis que o soño de levar unha vida normal.
A nai da moza e principal impulsora da campaña, Araceli Salarich, asegurou que “a xente non acude a doar por falta de información”. “Se souberan que cunha sinxela extracción de sangue se pode salvar unha vida, estou segura de que se farían a proba”.
Como parte da campaña para acadar unha medula para a moza, o centro de atención primaria de Montblanc vai instalar o vindeiro 12 de xuño un camión do banco de sangue diante do propio centro para atender ós que se acheguen.
As doazóns no banco de sangue de Tarragona dobráronse dende que se iniciou esta campaña.
Unha moza catalá acude ós internautas para atopar un doante de medula ósea
Compartir Este Artigo
