O Concello de Ourense vén de por en funcionamento o portal www.carpeta.ourense.es, unha ferramenta virtual cómoda e útil que lle permite ós cidadáns o acceso directo ós servizos municipais e detallada información “ó instante”.
De entre todas as ligazóns que se podían premer na antiga web da administración ourensá (www.ourense.es): “delegacións municipais”, “trámites e impresos”, “calendario fiscal”, “licitacións e contratos”… agora destaca a acabada de incorporar ligazón “Carpeta Cidadá”, que lle permite ó usuario acceder ós seus datos persoais e realizar diferentes trámites en materia de tributos, consultar os seus datos fiscais ou solicitar recibos ou volantes de empadroamento sen desprazarse ata a sede física do concello.
A “Carpeta do cidadá” conta cun dispositivo de seguridade que restrinxe o paso ás persoas que non dispoñan dunha clave de acceso que proporciona o Rexistro municipal previa solicitude.
Este novo portal entrou en funcionamento para que os ourensáns puideran ademais realizar consultas, queixas e suxestións e previse que nos vindeiros meses se lle dean novas aplicacións.
Este proxecto forma parte do programa de actuacións que desenvolve o Concello de Ourense destinados á mellora dos Sistemas de Información Municipais e modernización administrativa. Neste senso, o rexedor municipal indicou que teñen como finalidade “achegar o concello e os servizos que presta ós cidadáns”, “facilitando a súa relación coa Administración”.
O Concello de Ourense lanza un portal con información “ó instante” dos servizos municipais
Compartir Este Artigo
