A día de hoxe son poucos os xornais impresos que non teñen a súa versión dixital en Internet; moitos deles incluso (con longa tradición en papel) tiveron que pasar a editarse unicamente na rede de redes por descender substancialmente os seus lectores tradicionais. Con este panorama á vista, cabe pensar que o futuro da prensa escrita (a longo prazo) poida ter os días contados pero polo de agora, a súa situación respecto da prensa dixital á hora de acceder a fontes e a información veraz é privilexiada.
Fragmento da intervención de Rojo |
Fronte a isto, o director de Periodistadigital.com, Alfonso Rojo, vén de reclamar fronte á Comisión da Sociedade da Información na Cámara Alta, unha mellora no trato ós medios dixitais á hora de permitir a súa acreditación para o acceso ó Congreso dos Deputados, ó Senado, ós actos da Casa Real… a partir dun “novo baremo” que tome datos acreditativos de difusión destes medios en Internet.
Segundo afirmou Rojo na súa comparecencia, “non se trata de que todo o que teña un blog teña acreditación, pero hai que cambiar a perspectiva cos medios acreditados oficialmente”.
Así mesmo, apuntou que o xornalismo que se exerce nos medios dixitais ou impresos “é practicamente o mesmo” polo que normalmente o traballo realizado nuns e noutros é igual, coas mesmas regras á hora de contrastar as novas.
Neste senso tamén rexeitou que fose precisa unha regulación especial dirixida ós medios dixitais, distinta á que se lle vén aplicando ós medios tradicionais por facer o mesmo traballo: informar ós lectores.
