Non cabe dúbida de que as novas tecnoloxías trouxeron consigo un cambio espectacular en practicamente tódalas empresas do mundo. Nos últimos anos cabe destacar a Rede de Redes maila telefonía móbil como dous elementos revolucionarios e imprescindibles en calquera entidade, con independencia do seu tamaño e situación xeográfica. Por desgraza, aínda queda moito camiño por percorrer, e sobre todo en Galicia, onde a fenda dixital existente está sendo (se cabe) máis evidente respecto doutras Comunidades nas que os conceptos tradicionais comezaron a desaparecer a consecuencia de Internet.
O nivel tecnolóxico de Galicia nas Pequenas e Medianas Empresas (Pemes), reflexa que, dun total de 185.396, tan só a metade dispoñen de conexión a Internet, e que máis de tres de cada dez (69 por cento) non teñen nin sequera ordenador.
As causas directas deste retraso tecnolóxico son moitas e moi variadas pero sobre todo destacan as seguintes:
– Descoñecemento total ou parcial das oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías en xeral (Internet en particular).
– Pouco apoio por parte da dirección.
– Retorno da inversión pouco claro.
– Subestímanse as posibilidades que brinda Internet á empresa.
– Falta de planificación no proceso de integración de Internet.
– Falta de persoal cualificado para este área.
– Non se remodelan os procesos da empresa para a correcta adecuación do negocio.
– Resistencia ó cambio.
– Falta de metodoloxía no desenvolvemento do proxecto.
Neste contexto, o Ministerio de Industria traslada a iniciativa Red.es á nosa comunidade para “concienciar e promover” o emprego das novas tecnoloxías entre as Pemes, ó tempo que da a coñecer as vantaxes do seu uso.
Tan só a metade das Pemes galegas dispoñen de conexión a Internet
Compartir Este Artigo
