A televisión, coa axuda das novas tecnoloxías, semella cada vez máis un traxe á medida. Tendo en conta isto, este afacerse do audiovisual a diferentes sectores da sociedade, grupos de idade e tendencias, case cae de caixón que se empregue tamén para a aprendizaxe en liña. Nesta liña formativa vai o proxecto E-Televisión no que participan mestres da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña (UDC) e que está dirixido pola profesora Loreto Corredoira. A iniciativa, na que colaboran xornalistas de diversos países latinoamericanos, atópase xusto agora nun repunte de actividade: dende hoxe día 11 ata o venres 13 fica aberto o calendario de gravacións para Tele Clip (unha das cadeas da iniciativa) na sede do Museo de Arte Contemporánea de Unión Fenosa (MACUF).
Segundo informa a UDC, o proxecto E-Televisión aínda está en desenvolvemento, pero xurdiu xa cuns obxectivos ben claros, entre os que se conta tirar partido da tele en liña para o e-learning -a formación da distancia- no mundo enteiro, “empregando os novos servizos de vídeo á carta, streaming e almacenamento na Rede”.
Este é o marco xeral de onde nace (asemade) a cadea Tele Clip, televisión baixo demanda por Internet para rapaces de idades comprendidas entre os 7 e os 16 anos. Isto polo que respecta á feitura. No que se refire ó fondo deste espazo televisivo, cómpre dicir que é como un servizo de novas plurinacional presentado por nenos e nenas e dirixido –precisamente- a nenos e nenas de todo o mundo, sendo os propios cativos os encargados (tamén) dos labores de redacción. Recentemente, o obradoiro de redacción (que xa está en marcha) conta coa presenza de Leonor García, xornalista de TVE, en tarefas de coordinación.
A UDC participa nas gravacións de Tele Clip, unha canle de TV en liña para nenos
Compartir Este Artigo
