
A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acollerá a 2ª edición do Datathon universitario O Camiño dos Datos, unha iniciativa promovida polo Digital Innovation Hub de Galicia (DIHGIGAL) que busca achegar o potencial da IA e da análise de datos ao alumnado universitario, fomentando a creatividade, a innovación e a aplicación práctica dos coñecementos tecnolóxicos.
Tras o éxito de participación e repercusión da primeira entrega, regresa a competición co “obxectivo de seguir conectando o talento universitario cos desafíos reais da contorna empresarial e industrial galega”. A través desta experiencia, as persoas participantes terán a oportunidade de enfrontarse a retos relacionados co tratamento e a análise de datos, desenvolver propostas innovadoras e poñer a proba as súas capacidades nunha contorna colaborativa.
O Datathon está dirixido ao alumnado dos graos da Facultade de Informática da UDC, con especial recomendación para o estudantado de terceiro e cuarto curso do Grao en Intelixencia Artificial, do Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos e do itinerario de Computación do Grao en Enxeñaría Informática, así como para o alumnado do Máster Universitario en Intelixencia Artificial.
Dúas xornadas para transformar datos en solucións

A segunda edición desenvolverase en dúas xornadas, previstas para o 25 de novembro de 2026 e o 3 de febreiro de 2027, nas instalacións da Facultade de Informática da Coruña.
Dende a organización sinalan que “máis alá da competición, O Camiño dos Datos constitúe unha oportunidade para aprender facendo, compartir coñecementos, traballar en equipo e descubrir como as tecnoloxías vencelladas aos datos e á intelixencia artificial poden contribuír a resolver problemas concretos”.
A iniciativa pretende, ademais, fortalecer a colaboración entre a universidade, as empresas e os centros tecnolóxicos, favorecendo a transferencia de coñecemento e visibilizando o potencial das novas xeracións de profesionais do ámbito dixital.
A competición contará con premios económicos de entre 400 e 1.000 euros, un incentivo adicional para animar o alumnado a participar, desenvolver as súas ideas e demostrar o seu talento.
Dende a organización convídase especialmente o alumnado das titulacións vencelladas á intelixencia artificial, á informática e á ciencia de datos a aproveitar esta oportunidade para ampliar a súa experiencia, afrontar novos retos e poñer en práctica os seus coñecementos.
As persoas interesadas en participar deben realizar unha inscrición previa a través do formulario habilitado pola organización.
Toda a información sobre a convocatoria e o procedemento de inscrición está dispoñible na web da Facultade de Informática da UDC.
