Non hai moito tempo, publicamos na nosa web un artigo sobre o excesivo prezo que pagamos en España por unha conexión pésima a Internet.
En comparación con outros países máis adiantados, nós pagamos, pola banda larga, unha couta excesiva que non baixa dos 30 euros e que nos sitúa como o segundo país da OCDE coas tarifas de Internet máis altas.
Se ben estes prezos tan elevados das conexións supoñen un freo para o desenvolvemento desta actividade aquí, podémonos facer unha idea do que pode ser conectarse á Rede dende o país máis caro do mundo neste eido: Kazajstán.
Alí, o servizo ADSL de 1,5 Mgps costa preto de 2.500 euros ó mes, algo esaxerado se temos en conta que o soldo medio dos seus habitantes non chega ós 300.
Así o indica o informe da Organization for Security and Cooperation in Europe, que ademais denuncia o mal estado das conexións no país e o monopolio que existe no seu mercado, así como a situación de censura que se vive na nación, onde o goberno bloquea o acceso sistemático a diferentes webs nas que, segundo o seu punto de vista, “se atenta contra algún tema delicado”.
Pero ademais de Kazajstán, os habitantes doutros países como China, Turquía ou México, tamén teñen que facer un desembolso considerable para conectarse a Internet, segundo un informe que vén de publicar o Banco Mundial. O prezo por cada mega de conexión nestes países está por enriba dos seis dólares (10 por enriba en Turquía e China), unha situación que se agrava tendo en conta a relación prezo/soldo medio que hai nestas rexións.
Kazajstán: o país coa conexión a Internet máis cara do mundo
Compartir Este Artigo
