Tres empresas da Tecnópole, T-Solar, Aimen e Kinétika Innovacións Estruturais (todas elas instaladas no recinto de San Cibrao das Viñas), veñen de recibir 5,2 millóns de euros do Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) en forma de subvencións e créditos para a financiación dos seus proxectos de investigación e desenvolvemento.
A contía total, procedente de fondos FEDER da Unión Europea, será destinada a proxectos bianuais promovidos por estas empresas para investir entre este ano e o que vén.
O proxecto de T-Solar foi o que acadou o crédito de maior contía, cun total de case 2,7 millóns de euros, que a empresa investirá na construción dunha infraestrutura científico-tecnolóxica que permita realizar investigacións na área da enerxía solar fotovoltaica, concretamente na área da produción de módulos fotovoltaicos.
Esta nova fábrica que T-Solar vai situar no Parque Tecnolóxico será a primeira de gran tamaño industrial que produza paneis solares de lámina delgada en toda a UE.
Por outra banda, a empresa Kinétika Innovacións Estruturais, fíxose cun crédito de case 2,5 millóns de euros para construír tamén infraestruturas de investigación relacionadas coas enerxías renovables, neste caso coa eólica.
Finalmente, o único proxecto da Tecnópole que conseguiu financiamento a fondo perdido do programa de axudas do MEC para proxectos de I+D en parques foi o do centro tecnolóxico Aimen, que vén de instalar unha delegación técnica no Parque Tecnolóxico de Galicia. A subvención ascende a 49.000 euros e será destinada ó desenvolvemento dun plan de promoción e transferencia tecnolóxica en varias áreas relacionadas coa industria do metal.
Xa no punto de partida, Aimen conta neste proxecto coa colaboración das tres Universidades galegas, o CIS-Madeira, o CIS-Galicia, o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), o Laboratorio de Metroloxía de Galicia, o Instituto de Cerámica e outras entidades de I+D de toda España.
As empresas da Tecnópole conseguen máis de cinco millóns de euros do Goberno central para proxectos de I+D
Compartir Este Artigo
