A Axencia de Calidade de Internet (IQUA) maila Generalitat de Cataluña veñen de pedir o peche dunha ducia de páxinas web por ofrecer contidos que facían apoloxía da anorexia e da bulimia ó longo do pasado ano.
Segundo afirmou o presidente da axencia, Santiago Ramentol, durante o 2006, IQUA recibiu varias denuncias de particulares que constataron a presenza de páxinas web favorecedoras de trastornos da alimentación, que logo foron analizadas e denunciadas ante os seus propietarios; “algunhas destas páxinas pecharon, pero non todas”, xa que outras cambiaron o seu nome ou transformáronse noutras ó saberse perseguidas.
Este tipo de sitios web, sóen ofrecer “contidos ambiguos” que favorecen a anorexia con trucos para superar as ganas de comer, métodos para enganar ós pais ou titores durante as comidas, dietas salvaxes, xeitos de botar fora a comida inxerida… así como fotografías de persoas extremadamente delgadas con evidentes problemas de saúde.
Segundo cifras ofrecidas pola devandita axencia, a meirande parte das persoas que se conectan á Rede para ver este tipo de páxinas son mulleres (o 95 por cento dos casos) e menores de idade (o 75 por cento dos casos); ademais, o 23 por cento das internautas que xa desenvolveron un trastorno deste tipo, son as que normalmente lideran os chats.
Denunciadas dez webs por facer apoloxía da anorexia e a bulimia
Compartir Este Artigo
