Telefónica quere dar pasos cara a integración de dous servizos que, ata o de agora, moitos de nós considerabamos antagónicos, case coma auga e aceite: a banca e a televisión. A idea, máis polo miúdo, é a seguinte: habilitar en Imagenio (a televisión dixital da operadora) unha oficina virtual que achegue unha boa parte dos servizos que decote achega unha oficina con sede física e, a maiores, vantaxes para o lecer, a información e a interactividade. A iniciativa, que foi presentada estes días por Telefónica, xa está en marcha, e implica a participación de Caja Madrid cunha aplicación específica para televisión, “incluíndo os mesmos estándares de seguridade do eido do PC, innovadora, moderna no deseño e sinxela de navegar”, segundo informa a operadora nun comunicado. Isto que significa? Pois basicamente que os clientes de Imagenio teñen ó alcance da man unha sucursal da devandita entidade financeira na pantalla da televisión.
Nela, entre outras cousas, poderán atopar os seguintes servizos:
· Ler novas vinculadas á Caixa e ós departamentos e entidades relacionadas con ela, como a Obra Social ou a Fundación.
· Acceso a servizos de información relativos á cotización en bolsa ou á carteleira do cinema.
· Verificar o estado das contas e das tarxetas e as últimas operacións, levar a cabo transferencias, recarga de móbiles e consultas do borrador do IRPF (cómpre subliñar que estes servizos concretos de banca electrónica só estarán dispoñibles para aqueles clientes de Caja Madrid e máis concretamente da súa Oficina Internet).
Caja Madrid abre oficina virtual na televisión Imagenio
Compartir Este Artigo
