Nisto da Sociedade da Información e das fichas movidas polas grandes compañías non todo son acertos. Dito doutro xeito: as corporacións de certa envergadura tamén teñen gatillazos e, precisamente polo seu tamaño, máis grandes e soados cós de calquera outra firma. Se cadra é cedo de máis para falar de Didja como un gatillazo, sobre todo porque se trata dun servizo de vídeos en liña semellante a YouTube que aínda non foi posto a andar, pero pola Rede xa hai quen non lle dá moitos meses de “vida”. O caso é que tras este proxecto están dous xigantes da información: NBC e News, xuntos para tirar negocio da veta aberta por YouTube, a das pezas audiovisuais libremente dispostas e accesibles na Rede. A diferenza fundamental reside no seguinte: o novo servizo estará estreitamente vinculado ó comercial, como unha gran palestra para a promoción de todo tipo de produtos. Ou sexa: publicidade por un tubo.
A idea é convocar a participación (e o soporte económico, claro) de axencias de comunicación de todo tipo, a partir do mes de setembro, habilitando para cada unha delas o seu espazo concreto e delimitado nos que podamos (os internautas de a pe) opinar, puntuar e mesmo (iso din os responsables) facer mofa do que non nos guste ou do que consideremos criticable.
Até aquí, a cousa pinta ben, todo sexa dito. Non todos os días se nos permite rirnos do que nos ofrecen as marcas nos seus anuncios. O problema, sinala o blog Alt1040, reside en que semella haber unha cal e outra de area no elemento social do servizo. Ou sexa, que o que che dan por un lado (a posibilidade de opinar, criticar, etc), quítancho polo outro: a opción de pendurar nós mesmos os anuncios. Só poderán facelo as axencias, respectando ó máximo as regulacións dos dereitos de autor tradicionais: os do copyright. Asemade, o servizo estará protexido contra copias.
O servizo en liña de vídeos Didja permitirá opinar sobre estes, pero non penduralos nin copialos
Compartir Este Artigo
