Para a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o galego andará escaso de posibilidades de futuro se non se reforza a súa presenza na Rede, a través dela, a partir dela e mesmo por mor dela. A xuízo do departamento da Xunta, unha maneira axeitada de facelo, de dinamizar o emprego da nosa lingua no virtual (e por extensión no real, xa que estamos a falar de dous mundos en constante enriquecemento mutuo) é poñendo en marcha un sistema propio de tradución automática do galego ó castelán e ó inglés, e deste idioma ó galego. Co fin de habilitar esta ferramenta para uso corporativo da Xunta e para os cidadáns en xeral (ferramenta que coa novidade do inglés complementaría ás que xa hai, como por exemplo o OpenTrad no que participa Imaxin), a Secretaría vén de anunciar a súa contratación no Diario Oficial de Galicia na súa edición de hoxe, luns 10. Ditou doutro xeito: a Secretaría busca un sistema de tradución galego-inglés. Alguén ten unha proposta?
Máis polo miúdo e segundo sinala a resolución, a finalidade do concurso é “a adquisición dun sistema de tradución automática para textos breves, ficheiros de texto e páxinas web”. O orzamento do que se parte é de 274.000 euros, e o prazo para o envío de propostas remata o 25 de setembro.
Correspondencias en castelán, portugués e inglés
Amais diso, o Diario Oficial de Galicia tamén dá a coñecer a resolución do departamento que dirixe Marisol López (na imaxe, nun acto institucional do que deu conta Galicia Hoxe) pola que se anuncia a contratación dunha subministración para publicar na Internet un dicionario de galego con correspondencias en castelán, portugués e inglés, de novo por procedemento aberto e mediante concurso. O orzamento é de 63.280 euros, e o prazo para a presentación de solicitudes remata tamén o 25 de setembro.
Política Lingüística procura unha ferramenta de tradución automática galego-inglés
Compartir Este Artigo

