Investigadores da Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña e da Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela están a colaborar conxuntamente na creación dun sistema de información e modelización urbana que vai permitir simular o crecemento dos núcleos de poboación de Galicia.
O devandito proxecto, coñecido como SIMULA, consiste na integración dun autómata celular (AC) nun Sistema de Información Xeográfica (SIX) e percibiu unha axuda de 120.000 euros por parte da Dirección Xeral de I+D+i para o seu desenvolvemento.
Estes autómatas celulares son modelos sinxelos para a simulación de sistemas complexos que se basean en accións locais e que achegan comportamentos de maior envergadura segundo unhas regras de combinación entre elas. No proxecto SIMULA, estas regras son os factores que condicionan o desenvolvemento urbano no territorio galego.
Esta iniciativa, pioneira en España, ten por obxectivo dar resposta á necesidade de ferramentas para a xestión do solo urbano deste colectivo, tendo en conta os importantes cambios dos asentamentos da poboación que xurdiron como consecuencia dunha acelerada transformación social.
Para contrastar a eficacia do modelo empregaranse mapas histórico do solo urbano obtidos mediante técnicas de teledetección a partires de imaxe de satélite históricas.
Pola súa banda, o Sistema de Información Xeográfica (SIX) é unha organización de hardware, software e datos xeográficos, deseñada especificamente para almacenar, manipular e analizar información referenciada xeograficamente.
As Universidades da Coruña e de Santiago colaboran nun sistema que simula o crecemento dos núcleos urbanos
Compartir Este Artigo

