A meirande parte do solo de Galiza, con independencia das iniciativas que Innovación está a levar de xeito conxunto cunha serie de concello, fica aínda na sombra dixital. Dito doutro xeito e para que se entenda: nas cidades e nas vilas é máis ou menos doado conectarse e ter un acceso en condicións, pero nunha boa parte do rural só poderás gozar da Internet de oídas. Amais diso, coma se estivesemos a falar de máis leña no lume, malia que nalgúns lugares si que comece a haber acceso, non se pode dicir que fosen frecuentes ó longo dos últimos dez anos as actividades de divulgación e formación.
Na procura de recuperar terreo perdido neste senso é onde se poden situar as devanditas iniciativas da Consellería Innovación, Medio Rural e determinados concellos e, agora, a da Asociación Galega de Empresas Tic (AGESTIC) que vén de asinar un convenio coa Asociación Profesional Agraria (ASAJA) para traballar a prol do afianzamento da Rede na Galiza non urbana.
Para comezar, ambas entidades quentarán motores con INFO RED, un proxecto de aula móbil que informará nuns 50 concellos sobre as vantaxes das novas tecnoloxías no eido do desenvolvemento rural.
Neste senso, cómpre sinalar que AGESTIC non estará soa nesta primeira fase da actividade, xa que contará coa axuda financeira do Ministerio de Industria, dentro do marco do Plan Avanza 2007. A axuda será de máis de 200.000 euros e foi concedida por considerar que a iniciativa cumpre cos obxectivos de divulgación das bondades do emprego da Internet, incluíndo actividades de dinamización e información nas máis pequenas localidades e parroquias.
A Rede e as súas vantaxes serán móbiles en todo o sentido do termo, posto que viaxarán nun autobús habilitado de arriba a abaixo cos medios técnicos e humanos precisos para o acceso á Internet e a formación básica e avanzada sobre esta plataforma tecnolóxica. O obxectivo non se limitará á divulgación a pé de rúa senón que a intención tamén é petar nas portas de empresarios e de autónomos e traballadores de explotacións agrarias, “cooperando en accións de coñecemento dos beneficios das TIC na xestión e como mellora das condicións de vida e da competitividade”, sinala a asociación empresarial.
Os destinatarios, malia o proceso de despoboamento que está sufrir Galiza nunha boa parte do seu eido rural, non son precisamente poucos: calcúlase que máis de un millón e medio de galegos e galegas viven e traballan hoxe en día en espazos non urbanos. Do que se trata, informa AGESTIC, é de que aqueles papeis nos que se defende e se declara o uso da Rede como un dereito universal non fiquen precisamente niso: nuns papeis.
AGESTIC traballará pola fin da sombra dixital na Galiza non urbana
Compartir Este Artigo

